Concello de Noia
Ir á Galería Fotográfica
HISTORIA

A orixe de Noia remóntase ás culturas prehistóricas. Poboada na época megalítica e castrexa, amosa vestixios dun pasado romano e foi durante a Idade Media cando se converteu nunha das principais cidades de Galicia ao descubrirse en Santiago o Sartego do Apóstolo.

Convertida no porto de Compostela, a vila coñecerá un gran desenvolvemento das súas actividades comerciais. A poboación orixinal, que vivía no burgo da Barquiña, integrarase baixo a xurisdición do Señorío da Terra de Santiago cando a raíña Doña Urraca lle concede á Mitra Compostelá as terras comprendidas entre o Tambre e o Ulla.

Pola Carta Póboa do ano 1168, outorgada por Fernando II, créase o actual burgo, que será escenario das loitas medievais que teñen como protagonistas ós prelados de Santiago e aos nobres que rivalizaban no control da vila medieval. Será nesta época cando se constrúan a igrexa de Santa María a Nova e San Martiño, as Casas Góticas dos Señores da vila e o Castelo ou Fortaleza do Tapal onde residían os arcebispos de Santiago durante o verán.

Un dos arcebispos residentes en Noia foi o francés Berenguel de Landoira que, a principios do século XIV, buscou refuxio na vila ante  a negativa dos burgueses de Santiago a abrirlle as portas da cidade. Como recompensa a esa axuda mandou construír a igrexa de Santa María a Nova e a muralla con doce portas que a protexía dos ataques, como o ordenado polo Duque de Lancaster (s.XIV) cando intentaba apoderarse de Galicia para acceder ó trono de Castela.

A vila tamén foi escenario da Revolta Irmandiña, a loita do pobo contra os abusos da nobreza laica e eclesiástica. Asaltaron a Fortaleza do Tapal, convertida en sinal de identidade da poderosa Mitra que ata o ano 1812 (Constitución de Cádiz) era o auténtico dono da vila, á que sometera a numerosas presións económicas.

A Idade Moderna será a época da presenza do pirata Francis Drake na ría, como resposta á expedición da Armada Invencible, e a chegada dos industriais cataláns ás nosas costas. Varios personaxes vencellados á vila terán un acusado protagonismo: Lorenzo de Armada e Xoán de Noia (navegantes nas Indias), Sebastián Docampo (que foi o primeiro en demostrar que Cuba é unha illa), o escultor Felipe de Castro (Presidente da Real Academia de San Fernando) e Basilio Vilariño (explorador da Patagonia).

A Idade Contemporánea será a da ocupación da vila polo exército francés, a revolta contra os industriais cataláns, o protagonismo do escultor Xosé Ferreiro e o apoio da vila á Revolta Galega de 1846. Nun curto percorrido pola vila pode apreciarse como se conservan nas súas rúas a identidade doutros importantes personaxes vencellados a ela nas diferentes épocas históricas.
ONDE O PASADO TEN ALMA DE PEDRA


A vila de Noia atópase a carón das plácidas e tranquilas augas da ría do seu nome e ao pé da montaña do Barbanza. Podemos dicir que o mar acariña as ribeiras da localidade urbana, mentres que os altos cumes protexen a poboación dos temporais atlánticos. Otero Pedrayo definiuna como “unha pequena Compostela” e Cunqueiro fala dela como “unha Pisa atlántica, branca, rosa, ouro”.

Certamente hai poucas vilas costeiras que dean unha impresión tan inmediata dun pasado de esplendor nin pareza nacida para a grandeza tan patentemente. Varada nas ribeiras dun mar enxoito, un mar cada vez máis distante e fuxidío, cal afiada proa dun  navío en granito que se prolonga nun mastro de velame en forma de ponte que voa sobre as augas unindo as dúas marxes da ría, a vila histórica de Noia, lembra nostálxica uns tempos idos de vila mariñeira, de cando ata ela chegaban balbordos de ribeira, axitadas trasfegas de vida, de febril actividade mercantil e pesqueira, de mariñeiros, mareantes e mercadores , e velas a entrar e saír nos seus peiraos.

Este pasado de mar, hoxe non visto, ancorado en poderosas razóns históricas, aparece escrito, porén, en múltiples pegadas na paisaxe actual da vila para o observador  informado.
CONXUNTO HISTÓRICO

Desde calquera dos altos que circundan a vila comprobamos que a forma de Noia é curiosamente compacta e sensata. Un casarío apertado descende aos pés da parroquial de San Martiño en dirección ao mar tranquilo e fermoso. Unha perspectiva de tellados de tellas vermellas, chemineas, torres e prazas; o efecto xeneral non é de grandeza asombrosa  senón de intimidade medieval. Nos arredores da monumental igrexa, un conxunto de coquetas prazas permite destacar a grandiosidade do monumento. Todo o conxunto histórico aparece dominado pola presenza do edificio relixioso, polos altivos e rexos pazos urbanos e pola pegada dunha muralla pétrea que envolvía ao conxunto no pasado. Nalgúns tramos dito muro faise aínda hoxe visible. Os horizontes son amplos cara ao océano, e o aire do oeste chega con arrecendo de mar.

Un leve declive entre os edificios, unha especie de brecha que cruza o núcleo polo seu centro partíndoo oportunamente pola metade, sinala a rúa principal, o antigo Camiño Real, que semella un río limitado por edificacións. Trátase da actual rúa da Peregrina, Cantón e rúa do Comercio. Ao seu traveso toda historia de Noia faise presente, como si se explicase por si mesma, e pódese deixar vagar a vista directamente desde os poderosos restos de muros defensivos que representan os comezos da vila, ata os monumentais pazos, pasando polo edificio relixioso e pola maioritaria presenza de vivendas burguesas en balcóns e galerías.

O recinto histórico é depositario dunha realidade urbana singular, complexa, heteroxénea, onde a solidez da pedra, o granito, constitúe o elemento construtivo definidor. A primeira impresión que suscita no visitante é a de atoparse ante un feito urbano diverso, un espazo onde conviven diferentes formas construídas, con estilos, disposicións e tamaños diferentes que provocan efectos de contraste sorprendentes: entre a lixeira arquitectura doméstica, aparece intercalada a monumental silueta dun rexo pazo urbano; os perpiaños de granito que forman un muro nuns casos, contrastan co revoco encalado en branco que o cubre noutros; vivendas de fachadas con balcóns e galería dialogan con aquelas nas que aínda perdura o típico soportal. Ao mesmo tempo, arredor das prazas que se abren no apertado tecido urbano érguense igualmente arquitecturas de estilos contrapostos.

Casco Histórico de Noia
ALAMEDA
Alameda

Máis alá do antigo núcleo cercado, a fermosa alameda decimonónica é hoxe o espazo público por excelencia da vila. Lugar de paseo e lecer, conta con soleadas terrazas sempre animadas coa constante presenza de noieses e visitantes. Neste lugar atópase tamén a actual Casa Municipal, un senlleiro edificio representante do eclecticismo historicista, cuxo interior acubilla importantes elementos da historia da vila.
LOCALIZACIÓN

Noia atópase no máis interior da Ría de Muros e Noia, na desembocadura do Tambre e ao lado das serras da Barbanza e de Outes. O seu centro urbano acubilla a desembocadura doutro río, o Traba. Do centro de Noia hai apenas trinta e poucos quilómetros a Ribeira, a Muros e a Santiago de Compostela.  Conta cunha extensión de 38,5 quilómetros cadrados, o que o convirte nun dos municipios con menos superficie de toda Galicia. Ao Norte limita con Brión; ao Noroeste con Outes; ao Sur, con Porto do Son; ao Este con Lousame e ao Oeste co Atlántico.

Está conformada por seis parroquias: Santa María de Argalo, Santa Cristina de Barro, San Martín de Noia, Santa Mariña do Obre, Santa María de Roo e San Pedro de Boa.
UN RELEVO DINÁMICO QUE GORECE MÚLTIPLES PAIXASES
Situadas no tramo máis interior da ría á que dan nome son, maioritariamente, as terras de Noia, espazos de ladeira en dinámicos relevos rillados durante séculos polo poder erosivo das augas. Territorios de bordo montañoso que sempre ollan cara un horizonte de mar que baña os seus alicerces en forma  de profundo e amplo val que é a ría de Muros-Noia.

Enmarcadas polos altos cumes do Barbanza e da Serra de Outes, ocupan na súa grande maioría un arco que se debuxa entre o río Tambre, que baña e limita as terras de Noia polo Norte, e a punta de Testal, apéndice areento co que remata no mar o derrame montesío do Barbanza que é o monte San Lois. Dobrada esta afiada punta de area, cuxa presenza outorga aspecto de lago interior ao mar de Noia, a ría aparece agora nun horizonte aberto para esta parte do concello que desde aquí se estende ata o linde co veciño concello de Porto do Son. Trátase das terras da parroquia de San Pedro de Boa, poboadas na estreita franxa entre as acusadas ramplas do San Lois e as augas atlánticas.

Se algo caracteriza o relevo das terras de Noia é a abondosa diversidade de formas que articulan este reducido territorio. Por iso, para quen se achega por vez primeira a estas xeografías sorprende o dinamismo do seu relevo nun espazo de tan reducida extensión. Todo o contrario á uniformidade doutros lugares. Así, da superficie costeira, chaira de amplitude variable onde se concentra a maior parte da poboación municipal, pásase sen solución de continuidade ás poderosas ramplas montañosas que conducen a altitudes de 300 ata 700 metros.

Xunto a isto, unha innumerable presenza de vales en múltiples orientacións, froito dun paciente baleirado da montaña por parte das numerosas correntes de auga, constitúen espazos protexidos que gozan de particulares microclimas constituíndo as vías de penetración das aldeas na montaña.

E como elementos separadores, funcionando como divisorias de augas a regar cuncas fluviais diferentes, suaves e ondulados outeiros, testemuñas resistentes á vontade uniformadora das augas. Por conseguinte, toda esta variedade de planos presentes no territorio municipal noiés, permite falar do seu relevo como un relevo movido, todo un amplo conxunto de formas sumamente contrastado.

Como consecuencia da  mobilidade dese piar que é o relevo, o resto de elementos que nel se instalan como a rocha, o solo, ou a vexetación, van reproducir igualmente nos diferentes espazos  unha ampla gama de paisaxes diferenciadas: feraces vales, bosques frondosos, extensos areais, etc.

Panorámica de Testal e Boa
A RÍA
Ría de Noia

E na base de todo, o protagonista senlleiro do espazo xeográfico noiés: a ría, esa angular ferida tectónica que facilita ao atlántico penetrar quilómetros terra dentro.

Se no seu tramo medio, pola banda sur, as súas salgadas augas serven de linde coa occidental parroquia de San Pedro de Boa; no seu tramo final, entre as puntas de Testal e Requeixo, a ría esgázase en dous profundos entrantes, dúas grandes aberturas que permiten trasladar a súa influencia augas arriba dos esteiros dos ríos que aquí desaugan: por unha banda, a Enseada de Bogalleira, que constitúe a desembocadura do río Tambre; por outra , o seo de Noia, que entre Testal e Abruñeiras acolle o esteiro dos ríos Traba, Lobo e Vilaboa, que desaugan nas mesmas portas da vila noiesa.

Por conseguinte, a maior parte das terras de Noia, a excepción das pertencentes á parroquia de San Pedro de Boa, están localizadas neste dobre fondo de saco, onde as augas doces dos ríos son protagonistas e o mar aparece como algo que desde lonxe se achega aquí en determinados momentos do día.
O MAR DE NOIA
Un mar intermitente, un mar fuxidío que soamente é capaz de impor a súa presenza, inundando de auga atlántica a enseada, na fugacidade dunha marea. Sorprende á ollada de todo viaxeiro que contemple o seo de Noia, o cambiante da súa paisaxe en función do avance ou retroceso das augas por mor das mareas.

É este aspecto mutable que lle outorga a presenza ou ausencia de auga, un dos trazos máis definidores da paisaxe que se abre nos arredores da vila. O mar é aquí algo presente, pero ao mesmo tempo algo esquivo, algo fugaz.

Estes espazos intermareais só cubertos polas augas mariñas a determinadas horas -as ribeiras de mar enxoito da poeta María Mariño- teñen unha relación peculiar co mar, e desde a antigüidade, este impón ritmos de traballo en función das mareas: saír os barcos, atracar, mariscar a pé,….

Mar de Noia
ARQUEOLOXÍA
Sobre o 3.000 antes de Cristo xa se atopaban poboacións nas beiras dos ríos Tambre e Traba. Calcúlase que desa época data o dolmen de Argalo, tamén coñecido como Cova da Moura, construción pertencente á época do Megalitismo que vén de ser incluida recentemente dentro dos Bens de Interese Cultural da Xunta de Galicia, ao tratarse dunha cámara funeraria con arte rupestre no seu interior.

Fáltalle a enorme pedra que adoita servir de teito ou cuberta a estas construcións e crese que foi expoliada por descoñecemento.
COVA DA MOURA
Cova da Moura

A Cova da Moura está situada no monte Páramo, un pouco antes de chegar ao cemiterio municipal e forma parte dunha área verde. Arredor seu, en pasadas escavacións, apareceron machados, saetas, anacos de louza e outros obxectos típicos de poboadores nómadas.
CASTROS
Entre os castros ubicados en Noia destacan o Castro Lampreeiro, na parroquia de Santa María de Roo (marxe esquerda do Tambre), o castro de San Lois, no monte que leva idéntico nome; o castro de Sobreviñas, na parroquia de Argalo e no lugar de Sobreviñas, cun altísimo muro defensivo, igual que o anterior; e o castro da Barquiña, xa en Santa Cristina de Barro. Apenas se manteñen en pé algúns dos muros defensivos na chamada Punta da Barquiña.

Aínda que hai varias teorías, todos estes castros inscríbense na chamada cultura castrexa, conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou dende finais da Idade de Bronce (séculos IX ou VII antes de Cristo) ata o século I despois de Cristo, aínda que en épocas de penuria mesmo se chegou a empregar algún na Idade Media.
RESTOS ARQUEOLÓXICOS
Outros restos arqueolóxicos destacables son os pequenos anacos da muralla medieval que rodeou Noia durante séculos e que foi derrubada case na súa totalidade a partires do século XVII.

Na actual Porta da Vila, no edificio dun banco, pódese ver parte dela, no baixo da entidade, cuberta por un vidro.

Murallas de Noia
ARQUITECTURA

A intensa historia da Vila de Noia deixou unha intensa pegada nos seus edificios e rúas. Unha volta pola vila é un agasallo para os ollos de calquera minimamente interesado na arquitectura ao longo dos séculos. Nos pazos máis senlleiros destacan os blasóns das diversas familias nobres e fidalgas que os habitaron e nas igrexas da vila do Tambre e o Traba obsérvase nitidamente a antigüidade de cada elemento arquitectónico que as configura.

Nos muros de pazos, templos e casas grandes ao longo e ancho da vila aprézanse máis de cen escudos nunha evolución heráldica que reflicte poderosamente o esplendoroso pasado desta vila.
IGREXA DE SAN MARTIÑO

Igrexa de San Martiño

No que atinxe á arquitectura relixiosa hai que destacar as principais igrexas de Noia e comezar pola de San Martiño, que é patrono da vila xunto a San Bartolomeu. Martín de Tours deixou unha fonda pegada entre as devocións dos noieses, pois moitas parroquias veciñas adican os seus templos a este santo, famoso por partillar a súa capa cun pobre que, segundo a lenda, resultou ser o mesmo Xesús de Nazaret.

A igrexa de San Martiño, que coroa de xeito magnífico a praza do Tapal, é un exemplo o gótico tardío. Mandouna construír en 1.434 o bispo Lope de Mendoza, cuxas armas se observan nos blasóns que deixou na fachada e nun lateral. Precisamente ese ano está considerado o Primeiro Ano Santo, segundo o historiador Francisco Singul, e coincide con múltiples viaxes procedentes de Inglaterra en anos sucesivos en que o Día do Apóstol Santiago cadraba en domingo. Moitas viaxes dese peregrinos entraban por Noia.

A fachada de San Martiño de Noia está dividada en tres corpos verticais. Nos extremos vense torres sen rematar e no centro o magnífico rosetón. A porta conta no seu tímpano cos escudos de Castela e León e as armas do citado bispo. Nas tres arquivoltas destaca a interior, con Cristo cercado por doce músicos. Nas laterais, en dous corpos diferenciados, as figuras dos doce apóstoles.

Xa no interior, hai unha nave con cinco tramos separados por arcos apuntados. A bóveda de crucería da capela maior e o altar destaca, iluminada por un rosetón menor que o que preside a fachada.
IGREXA DE SAN FRANCISCO

Construída no século XVI (os Franciscanos instaláronse sobre 1.522, procedentes do veciño lugar de Sueiro, en Argalo), a igrexa é de estilo oxival renacentista e consta dunha nave de planta de cruz latina e cinco vans, distribuidos de xeito proporcional, o que da sensación de amplitude. A torre que fai de campanario é de tres corpos, feita polo canteiro Rodrigo de Sedo. Está inzada de escudos e blasóns dos numerosos nobres e fidalgos que apoiaron a esta orde monástica ao longo da historia de Noia. A parte do convento e o claustro foron reformados logo da desamortización de Mendizábal e hoxe aséntase alí a Casa do Concello, que foi construída con pezas de edificios anteriores en pleno século XX.

A última reforma feita no claustro do Concello, na traseira de San Francisco, é xa deste século XXI e combina os vellos elementos nobres da pedra e a madeira coas máis modernas liñas da arquitectura de hoxe.

Igrexa de San Francisco
IGREXA DE SANTA MARÍA A NOVA

Igrexa de Santa María A Nova

Declarada Monumento Histórico-Artístico Nacional dende 1973, esta igrexa, tamén chamada "Do Don", está encravada no medio dunha Quintana de Mortos, antigo cemiterio que, segundo conta unha das numerosas lendas noiesas, fora feito con terra traída dende Terra Santa -Palestina- en galeóns noieses.

Erixiuse sobre anterior edificación do século XII e foi consagrada en 1.327 polo arcebispo Berenguel de Landoira. No seu levantamento foi collendo diversos estilos: románico tardío con elementos oxivais. A súa fachada loce un espectacular rosetón, que é recomendable observar dende o interior en diversas horas do día, polo xogo de luces. A capela é plateresca e o altar, de estilo barroco.

No seu exterior destaca o tímpano policromado da porta principal, cunha Adoración dos Magos, así como a figura do citado arcebispo Berenguel de Landoira de xeonllos, á esquerda da Virxe. Mais o que sen dúbida chama a atención é o enorme depósito de laudas gremiais -dos maiores de Europa- en que está agora convertido tanto o exterior como o interior desta igrexa. Alomenos dous centos destas lápidas sepulcrais flanquean os muros da igrexa, das que as máis antigas son as que representan oficios dos gremios medievais. As laudas distinguen a estes polos obxectos gravados nelas (dende canteiros a ferreiros, pasando por mariñeiros cunha áncora característica ou fidalgos, representados por figuras antropoides).

Ademais das numerosas laudas, -o historiador local Clodio González Pérez cífraas en máis de 400, aínda que hai máis por outros lugares do municipio- no cemiterio tamén destacan elementos como o baldaquino chamado Cristo do Humilladoiro, composto por catro columnas cun teito pétreo a xeito de pirámide que cobre un cruceiro do século XVI. Convén observar os frisos deste curioso baldaquino, no que hai gravadas as fases da lúa e un animal ferido fuxindo de cazador e cans. No outro lado do cemiterio hai un cruceiro gótico, do século XVI, que lembra ao que se atopa na praza do Tapal, enfronte da igrexa de San Martiño.

Sobre esta igrexa e as súas lendas hai un completísimo artigo na Wikipedia en galego.
PONTES

Ponte Nafonso

Entre as numerosas construcións que destacan na vila poderíase comezar pola mesma ponte que da acceso a ela dende Porto do Son e Boiro, chamada a Ponte Grande. Foi construída no século XIX, con arcos rebaixados de tres centros. Ten seis vans con luces de dezaséis metros cada un e por debaixo dos centrais, coa marea chea, pasan pequenas embarcacións. Foi remodelada e reducíronselle o número de arcos pola realización de diversas obras públicas. Ten unha lonxitude de 270 metros.

Outra das pontes que merece subliñado especial é a Ponte de Traba, que comunica os barrios de San Bernardo e O Couto. Restaurada e afianzada na primeira década deste século XXI, aséntase sobre a vella calzada romana Per Loca Maritima, que percorría a costa de Gallaecia dende Brácara Augusta (Braga, hoxe Portugal). Agora conta con catro arcos de factura medieval cuns contrafortes nos piares para soportar as intensas correntes do río Traba cando vai máis cheo. Nos seus arredores está o barrio da Pedrachán, que tamén foi restaurado case ao mesmo tempo que a ponte, e que destaca polos seus muíños e sendeiros empedrados ao pé da auga, nun renovado paseo fluvial. Os muíños contan cunha longa historia, dende que pertenceron ao conde de San Bernardo, Antonio Cortés de Mendoza e Soutomaior.

Xa na saída da vila, lindando con Outes, está Ponte Nafonso, construída no século XIV e que remarca o esteiro do Tambre cos seus impresionantes vinte arcos actuais de perfil oxival. A ponte tivo sucesivas restauracións ao longo dos séculos, debido á caída de arcos -había 27 nun principio- polos efectos das correntes do río, o que ocasionou que algúns deles agora non sexan oxivais, senón semicirculares. No século XIX reformouse para anchear a ponte, que pasou de apenas catro metros aos cinco actuais. Hai dous arcos tapados con recheos de terra. A ponte é frecuentada por pescadores e paseantes e incluso serviu como plató cinematográfico.
PAZO DACOSTA
Tamén chamado nos últimos tempos Casa de Rivas, polos seus propietarios actuais, é un edificio que reflicte perfectamente o esplendor que chegou a acadar Noia nos tempos en que a Mitra de Compostela gobernaba estas terras. Data de 1339 e conserva tres pedras de armas, dúas na fachada e unha baixo os porches de estilo gótico.

Pazo Dacosta
PAZO DE BERGONDO
En Obre álzase este edificio composto por dous corpos xunguidos por un pórtico almenado cunha cruz central que destaca pola espadaña da capela anexa. Feito en sillería de granito moi ben traballada, conta cunhas esqueiras dobres de acceso. No bloque da dereita está a igrexa de San Diego de Alcalá, con catro escudos na súa fachada.
PAZO DA PENA DE OURO
Pazo Pena de Ouro

Tamén en Obre, é un edificio moderno de comezos do século XX encadrado no estilo neobarroco compostelán. Destaca a súa factura, composta por diversos elementos arqueolóxicos produtos do expolio: o seu claustro románico foi trasladado en 1920 dende o mosteiro de Toxosoutos, en Lousame, e agora fai de patio central do pazo, onde sobresaen as columnas xeminadas con capiteis ornamentados con figuras vexetais. Na fachada, dúas torres de planta cadrada, vans e arquerías de medio punto sostidas por pares de columnas sobre pedestal cadrado, balcóns, balaustradas e remates en pináculos ou bolas. Hai tamén numerosos escudos procedentes de diversos lugares, non só nas paredes, senón tamén polo chan do xardín.
CASA DA XOUBA, CASA DA ROSA, PAZO DO FORNO DO RATO
Casa do Forno do Rato

Trátase de casas góticas de inspiración francesa, do século XIV, unha arquitectura resultado de ser Noia sede do arcebispo Berenguel de Landoira ata que puido tomar posesión do seu cargo na Mitra de Compostela. Dando un paseo polo cerne do casco histórico de Noia pódense observar todas, pois son doadas de atopar.
HOSPITAL DE ADENTRO
Noia, tan ligada a Santiago de Compostela por exercer de porto oficial da Mitra do Apóstol ata o século XVII, chegou a ter ata tres hospitais na Idade Media, dous deles de peregrinos. O único edificio deles que se conserva é o do Hospital de Adentro, tamén chamado Casa da Gramática. Agora aloxa a Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico. Ten unha fachada cunha porta na que sobresae un arco apuntado e o escudo do arcebispo de Compostela Rodrigo de Luna.
NON SE PERDA TAMPOUCO...

Noia, chamada por algúns a "Pequena Compostela" é unha vila feita á medida para pasear e andar de vagar. Ademais das construccións antes citadas, non se perda nos seus percorridos a praza do Tapal, que leva este nome por ter sido antes un lugar privado do pazo dos Churruchaos, antigos cabaleiros que perderon nas guerras medievais o seu poderío e de cuxa fortaleza queda xa só unha pequeniña fiestra gótica fronte ao cruceiro do Tapal. 

Outro lugar típico de Noia, sobre todo os xoves e domingos, cando está ateigado de xente no seu típico mercadiño, é a rúa do Curro, ou rúa Felipe de Castro. Leva o nome de Curro porque nos seus arredores facíanse corridas de touros que se comezan a datar no século XVI. Tamén había alí moitas adegas, polo que levou tamén o nome de rúa dos Lagares. Mesmo nos seus soportais se escabechaba o peixe, parte do cal ía parar á Casa Real que gobernara segundo o periodo histórico. A orixe comercial desta rúa, adicada hoxe ao escultor máis famoso que deu Noia, prolóngase no tempo e ata a actualidade.

Tamén merecen un paseo detido a Alameda de Noia, das máis amplas da contorna, os xardíns de Felipe de Castro, o escultor noiés que marcou o inicio do neoclasicismo e chegou ser escultor de cámara do rei e os xardíns paralelos á Alameda, chamados de Rosalía de Castro, recén remodelados. Todos eles conforman un pulmón verde no centro da vila de Noia, onde se instalaron os bustos adicados aos máis grandes literatos da vila, aos que se lle adicou o Día das Letras Galegas: María Mariño e Antón Avilés de Taramancos.

Ademais dos cruceiros góticos que citamos na igrexa de Santa María e no Tapal, merece atención especial pola súa maxestuosidade o cruceiro de Eiroa, xa camiño de Muros. As súas figuras compoñen a escea do Desprendemento de Cristo da cruz, cuns detalles en pedra que é difícil atopar noutros cruceiros galegos.

A ARTE



A herdanza arquitectónica, por efecto da dilatada Historia de Noia, é impresionante, tanto no que respecta a edificios relixiosos como civís ou funerarios, con magníficos exemplos de cada un dos estilos que ó longo de tódalas épocas se foron incorporando ó noso legado artístico, así como pola enorme calidade de moitas das construccións.
 
Polo que se refire ás igrexas destacan a de Sta. Mariña do Obre, fundada no s. XI por D. Diego Xelmírez, a antiga de Sta. Cristina, da mesma época, a de Sta. María a Nova, edificada por iniciativa de F. Berenguel de Landoira en 1327, a renacentista do convento de S. Francisco, pero sobre todo o monumental templo gótico de S. Martiño.  Hai tamén algunhas capelas de notable interese, como a de S. Bernaldo, do s. XVIII, a única con cúpula en toda Noia.

A arquitectura funeraria conserva tamén exemplos dignos de admiración, o primeiro é a Anta de Argalo –popularmente denominada Cova da Moura- cuxa construcción se remonta ó período megalítico, en plena Idade do Bronce e outros de época medieval como son o baldaquino do Pazo do Marqués e o máis misterioso, tanto pola súa época como pola súa función,  do cemiterio de Sta. María.

A edilicia civil comenza tamén na Prehistoria, cos catro castros coñecidos da Idade do Ferro, disfruta do seu período de maior esplendor no Medioevo, coa erección das murallas, hoxe desaparecidas, a fortaleza do Tapal e as numerosas mansións señoriais, entre as que destacan as fermosas casas da Xouba e os pazos Dacosta e do Bispo, así como os tres hospitais, dos que xa só pervive o de Adentro, hoxe coñecido como Casa da Gramátic, e un arco do de Afora ou do Espírito Santo, no que figura o primeiro escudo de Noia, coa arca de Noé, na actualidade integrado na Casa do Concello.

Continúase, aínda que con menor ímpetu constructivo, ata os nosos días con novos pazos, dos que sobresae o da Pena do Ouro, no que se instalou o fermoso claustro de Toxosoutos, procedente do extinto mosteiro románico, casas de pedra asoportaladas e magníficos edificios como o actual Xulgado, de época barroca, os modernistas Coliseo Noela, antigo Casino e Casa Labarta ou a extraordinaria mostra de arquitectura galeguista que é a Central do Tambre, obra do insigne arquitecto Antonio Palacios.

Pechan este capítulo a Casa do Concello e a Praza de Abastos, ambas diseñadas por Leoncio Bescansa a mediados do s. e unha serie de obras públicas, unhas  de maior antiguidade, como as tres pontes medievais: a do Traba, a Pontenafonso, orixinalmente con 27 arcos oxivais e a do Campo, reformada a fins do s. XIX e outras máis modernas como as fontes de pilón de A Fanequeira ou a de S. Francisco, esta última conmemorativa da victoria sobre os franceses, ou de dobre taza como as do Virxe do Mar, que xunto cos parques, alameda e xardíns tan vistosos como os de Felipe de Castro, introducen un ambiente de ledicia na vila tan intenso que lle dá sona a Noia e a fai inmensamente agradable tanto para o turismo como, de xeito fundamental, para vivir nela.
ESCULTURA
O apartado da escultura é tamén extraordinario, con pezas tan antigas como o petroglifo do monte S. Lois, da idade do Bronce, a estela romana de A Barquiña, a talla pétrea medieval de Santiago, en S. Martiño, a Pía bautismal de Sta. María a Nova, os singulares cruceiros do Tapal, Sta. María e Añón, de época gótica, os releves da Epifanía, en Sta. María, das portadas occidental e septentrional de S. Martiño e o impresionante conxunto de laudas sepulcrais  e sartegos nobiliarios de Sta. María a Nova, así como os numerosos escudos de armas espallados por tódalas casas señoriais e igrexas noiesas.

Do Renacemento son a Trinidade e o fermosísimo grupo de Sta. Ana coa Virxe de S. Martiño, a Virxe da Mercede  e os sartegos nobiliarios de S. Francisco. As tallas barrocas son máis numerosas, algunhas de gran categoría como a Virxe do Carme  de S. Martiño e noutras ocasións formando parte de retábulos tan fascinantes  como o de Sta. María a Nova.

Lamentablemente, dos tres grandes escultores nacidos aquí entorno ó s. XVIII, Diego de Sande, Felipe de Castro e Xosé Ferreiro só deste último, que tiña o seu obradoiro en Santiago, desde o que traballaba para toda Galicia, cremos posuir algunhas obras en Noia: un S. Bartolomeu  de época xuvenil en S. Martiño, un pequeno Cristo xa de madurez na Casa de Cultura e un Calvario na Pena do Ouro, mentres que dos outros dous, que traballaron en Santiago e Madrid respectivamente, non temos entre nós ningunha obra coñecida, sendo o traslado á nosa vila de unha das varias  estatuas de monarcas hispanos que Castro fixo en pedra para o Pazo Real e hoxe ciscados polo parque do Retiro, un dos poucos soños que Antón Avilés de Taramancos, como concellal de Noia, nun puido ver materializado.

Logo do traballo dos diversos santeiros de Noia ou Lousame que ergueron múltitude de cruceiros por todo o noso concello, entre os que sobrancea o Desencravo de Eiroa, do ano 1879, un dos mellores de toda Galicia, tras os derradeiros imaxineiros, Creo e Picón, autor este último, a principios do s.XX, do Vía Crucis de S. Martiño, ábrese un amplo valeiro no eido escultórico que só a fins deste século e comenzo do s.XXI enchen Soledad Penalta, autora do Busto de María Mariño, na alameda de Noia, próximo ó extraordinario retrato de Avilés de Taramancos, e o máis xove Emilio Mariño, formado con Chillida.

Cruceiro
ARTES DECORATIVAS
Dentro deste capítulo salientan as pías bautismais de S. Martiño e o Obre, a primeira medieval, a segunda renacentista e as vidrieiras de S. Martiño, particularmente as do seu fantástico rosetón.

Pero sen dúbida o máis valioso, tanto pola súa antiguidade como pola súa excepcional calidade, son as pezas de orfebrería que se conservan en tódalas igrexas parroquiais, entre as que sobrancean o cáliz gótico de S. Martiño, o incensario medieval do Obre, o portaviático e o copón renacentistas de S. Martiño, a cruz procesional de Boa, do mesmo período, a preciosa cruz procesional dezaoitesca de Sta. Mariña do Obre, a grandiosa custodia procesional de S. Martiño, realizada en Flandes en 1693, o cáliz de D. Xoaquín Romero e a  cruz  procesional de Argalo, ambos de época neoclásica.

Rosetón
PINTURA
Pedras Fitas de Veiras Manteiga

As máis vellas mostras pictóricas das que temos noticia son os frescos situados tralo retábulo maior de Sta. María a Nova, dos que só sabemos que son de época gótica, pois a súa temática e características formais ata hoxe non puideron ser estudiadas, de xeito que as máis antigas representacións  pictóricas que na actualidade podemos contemplar son os restos das pintras murais de S. Francisco, que reproducen unha imaxe de S. Cristovo co Neno e corresponden ó período renacentista e están vencelladas ó estilo do pintor Pedro Noble, que a mediados do s. XVI traballaba na catedral de Santiago.

Posteriormente, salvo o gran lenzo de A coroación da Virxe hoxe na igrexa de S. Bernaldo e o cadro de S. Miguel en Sta. María a Nova, a preferencia dos clientes polas tallas en madeira policromadas, retábulos dourados e releves, fixo desaparecer as obras pictóricas ata fins do s. XIX, cando os artistas da chamada “Xeneración Doente” á cal pertencía o noiés Xenaro Carrero, fixeron revivir a pintura galega; deste excepcional artista, unicamente se conservan en Noia o retrato dun crego e dúas pequenas paisaxes da vila, na casa do Forno do Rato na que viviu.

De Paco Creo, que traballou case sempre na Coruña, consérvanse en Noia algunhas obras en diversas coleccións privadas, pero tamén un cadro sobre cerámica no Liceo e tres óleos na Casa de Cultura, un deles doado polo autor cando a corporación municipal lle concedeu a Medalla da Vila en 1984. Arximiro Suárez e Eduardo Mariño, naturais de Outes e Santiago respectivamente, deixaron tamén abundante obra entre nós, case toda en mans particulares, salvo algúns lenzos ou gravados adquiridos pola Sociedade Liceo.

Veiras Manteiga, os irmáns Costa (Alfonso, Pío e Nacho fundamentalmente) e Manuel Romero, dos que posuímos abundante obra na Casa de Cultura, Instituto Virxe do Mar, Coliseo Noela e Liceo de Noia, comenzan a traballar nas últimas décadas do s. XX e transmiten á actual centuria e ó resto do mundo a sona de artistas que os noieses fomos ganando a pulso desde a máis remota prehistoria conformando un dos patrimonios artísticos máis importantes de Galicia.
FESTAS E TRADICIÓNS
A maioría das festas de Noia teñen a súa orixe na devoción profesada aos diversos santos que dan nome ás parroquias da mesma e aos patróns da vila: San Marcos e San Bartolomeu. Ademais, tamén as hai de orixe pagana, como o Entroido, e outras de nova creación, como a Feira Medieval, que cada ano cobra maior esplendor debido, en parte, á marabilla de escenario que constitúe o casco histórico noiés.
ROMERÍA DE SAN LÁZARO

Data: Ten lugar o domingo anterior á festividade da Virxe das Dores.

Desenvólvese no lugar do mesmo nome, sito na zona sur de Noia ó que se achega por unha das pontes que atravesan o río Traba, pois, aí encontrábase un hospital dedicado ó santo e no que se lle daba auxilio aoss leprosos.

Actualmente só se conserva unha capela, do ano 1768, que se abre só o día da festa. Os fieis que acuden a venerar ao santo levan a estampa e unha pola de mirto para pasala pola imaxe do Santo. No entorno máis inmediato á capela, no parque, celébranse misas ao longo do día.
FEIRA DE SAN MARCOS



Data: 25 de abril -arredor desta data, segundo cadre a fin de semana, adóitanse celebrar diversas actividades festeiras en varios días, non se circunscribe a un só día-

Historia: Feira anual de transacción de gando, especialmente cabalar.  Celébrase desde o ano 1578 e, nun principio,  tiña lugar no monte do San Marcos (parroquia de Santa Cristina de Barro) onde existía unha capela da que só se conservan uns restos en ruinas, a carón do camiño que levaba a Santiago, baixo a advocación do santo. Co crecemento da feira e a construcción dunha nova estrada a feira trasládase a Noia en 1856.

Programa: o día grande desenvólvese no lugar de San Lázaro, no cal durante o día hai venda de gando, organízanse competicións de salto, doma, espectáculo cabalar e compleméntase con postos de venda de complementos e accesorios para o gando. É tamén tradicional o mercadiño, con venda de produtos do campo.

Unida a este atractivo da feira cabalar ten cabida a feira de exposición de maquinaria agrícola que convoca cada ano a un maior número de persoas. Pola tarde hai carreiras de cabalos en Testal.

E para completar o día de feira organízanse pasarrúas, concertos de bandas de música, danza e música galega, bombas de palenque, atraccións infantís e de adultos, rematando o día coa verbena con varias orquestras na Alameda.
FESTAS DE SAN BARTOLOMEU

Datas: do 20 ao 26 de Agosto.
Historia: Festexos na honra de san Bartolomeu (24), patrono civil de Noia, san Lois (25) e san Roque (26).

Dentro das festas patronais destacamos a tradición da procesión do día de San Roque que aquí celébrase o día 26. Recae a organización no Concello, desde antigo a raíz dunha promesa realizábase a celebración por salvar á Vila da enfermidade da peste na Idade Media e a principios do século XX, por librala da enfermidade da gripe. A procesión, despois da misa, é un dos actos relixiosos máis esperados, pois, no transcurso dela, é dicir cando a imaxe do santo chegue á Casa do Concello deposítase un ramo de flores ós pés do santo para agradecer a protección do Santo.  Pola noite celébranse uns xa tradicionais fogos artificiais, e tampouco faltan as verbenas con música de orquestras.

Fogos de San Bartolomeu
FEIRA MEDIEVAL

Feira Medieval

Data: Segunda fin de semana de xullo.
Historia: Celébrase desde o ano 1998. Nace coa idea de potenciar o coñecemento da historia e do patrimonio cultural e desenvolver a artesanía local e galega en xeral.

Programa: A feira consiste na organización dun mercado que recrea o ambiente de época medieval aproveitando as rúas, prazas e edificios do propio casco histórico (Cantón, Curro, Tapal, Constitución,..) A feira permanece aberta todo o día de 11:00 a 12:00 horas da noite de venres a domingo e, en torno ós postos de venda de artesanía e alimentación, hai numerosos grupos de animación (saltimbanquis, malabaristas, teatro de rúa, tragalumes, bufóns, etcétera ) ao longo de todo o día.
FESTA DO CARME

Data: 16 de Xullo.
Historia: Celébrase na honra da Virxe do Carme, protectora en toda Galicia dos marirñeiros. A data tradicional era o 2 de Xaneiro, no inverno, e estaba motivada porque neste lugar, terra de homes dedicados ao traballo do mundo do mar, había persoas embarcadas dedicadas, antigamente, ao tráfico de cabotaxe durante o verán, coincidindo que nas datas de inverno era cando podían desfrutar da festa ao estar en terra.

Programa: Hai misa ás 12:00 e a continuación celébrase procesión na que desfila a Virxe do Carme, que se garda durante todo o ano nas dependencias da Confraría de San Bartolomeu, sae nove días antes do Carme para a Novena, e durante a procesión fai tres paradas para cantarlle ás Salves á Virxe e agradecer a súa protección, para rematar regresando ese día á Confraría. A continuación hai festa na Alameda.
SANTOS E DEFUNTOS

Data: 1 e 2 de novembro.

Historia: tradición de visitar os cemiterios e recordar ós nosos mortos. A resaltar o corido que lle dan as miles de flores dos cemiterios que permanecen abertos ata últtima hora da noite. Resulta especialmente fermoso o cemiterio de santa María “a Nova”, co contraste entre as vellas laudas e as novas lápidas. O sentir mariñeiro de Noia pálpase ao pé dos cruceiros cheos de flores en lembranza das persoas desaparecidas no mar.
ENTROIDO

Entroido en Noia

Data: depende do día no que caia o Domingo de Pascua ou Resurrección. O entroido celébrase sempre sete domingos antes.

Historia: Festa popular que simboliza a entrada na Coresma. En Noia nunca deixou de celebrarse esta festa pagana, nin cando estivo prohibida polas autoridades.
Programa: O venres realízase o Festival de DragQueens, un dos poucos de Galicia.
O Domingo organízanse Certames Infantís e de Adultos e o Martes de entroido Rali París Dakar no que se premia a orixinalidade dos vehículos presentados e ó disfraz co que participan. Este rali comezou cando varios mozos e mozas da vila crearon un “maratazón” entre os bares cos nomes París e Dakar, con vehículos artesanais e disfrazados, que ían de bar en bar animando á xente e bebendo ata cumprir o recorrido.

O Enterro da Sardiña marca a fin do Entroido no Mércores de Cinza. A Sardiña, símbolo do Entroido, vélase pola tarde na rúa do Curro ata o comezo da conducción para proceder a súa queima: durante o traxecto a viúva e o padriño parodian acompañadas das choronas os acontecementos da vida local.
SEMANA SANTA

Data: depende, como no caso do Entroido, do domingo en que caia Pascua. A Semana Santa comeza o venres da semana anterior a ese domingo.

Os días sinalados son o Venres das Dores, o Domingo de Ramos, coa tradicional beizón das follas de palma e mesmo ramos de olveira na misa; o Xoves Santo coa súa procesión das carracas, na que se fan soar estes estrondosos instrumentos; o Venres Santo, coa  “Procesión do Encontro” , na que desfilan os pasos da Verónica, san Xoán, Simón o Cirineo e a Dolorosa, precedidos por persoas que representan, a través dos seus vestidos e atributos que portan, figuras da Paixón de Cristo.

Ao rematar a procesión é tradicional tomar o chocolate con churros nas cafeterías, costume que vén de antigo, pois, o Sermón do Encontro tiña lugar na hora da madrugada, e as persoas asistían a el sen almorzar.

Pola noite  celébrase a procesión da Virxe da Soedade e a do Santo Enterro é de resaltar o fermoso rostro da Virxe- corresponde a talla a unha imaxe de vestir do século XVII-, así como a talla do Cristo Xacente do século XIX.

Semana Santa
FESTAS PARROQUIAIS
Santa Mariña do Obre.
A Pelegrina.
Santa María de Róo.
Virxe do Remedios en Barro.
Santa Cristina de Barro.
Festa de Maio de A Barquiña.
Virxe do Carme da Rasa.
COMPRAS

A zona comercial concéntrase, especialmente, no casco histórico – rúa do Comercio, Cantón, Curro, Montero Ríos, Mazacáñamos, escultor Ferreiro, Constitución, Montero Ríos, Porta da Vila, onde o visitante pode adquirir unha ampla gama de productos nestas tendas.

Novas rúas e zonas -rúa de Galicia, San Lázaro, rúa Basilio Perito,- próximas ao casco histórico, continúan reforzando o carácter comercial da Vila cun variado sector no ramo de alimentación, artesanía, deportes, xoiería, confección e textil, zapatería, librarías e demais.

HORARIO COMERCIAL
Horario: de 10:00 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres.
O sábado tódalas tendas abren pola mañá, e pola tarde abren só algunhas tendas do sector da confección, alimentación e librarías.
Os domingos ábrese de 10:00 a 14:00 horas; o ramo da xoierías, reloxerías, ópticas, electrodomésticos abre só os domingos feirados que son os primeiros e terceiros domingos de cada mes.

No verán o horario de tarde varía, ábrese de 17:00 a 21:00 h. Os sábados e domingos mantense o mesmo horario que o resto do ano.
FESTIVOS LOCAIS

Peche total:
Mércores de Cinza (festa local)
16 de Xullo (Festividade do Carme)

Peche polas tardes:
Luns e Martes de Entroido
25 de abril (feira de san Marcos)

Do 24 ó 31 de agosto (festas patronais de san Bartolomeu, gran parte do comercio pecha estes días, algúns só pechan os días que dura a festa. Os supermercados abren).
MERCADO

Praza de Abastos

O mercado principal céntrase na propia Praza de Abastos, sita na rúa do Curro. O sector alimentación ten horario de mañá de martes a domingo. No primeiro andar O ramo de textil, reloxería-xoiería, bazar, hostelería abre de luns a domingo pola mañá e de luns a venres pola tarde.

Todos os xoves e domingos son días de mercado e arredor da Praza de abastos hai postos de venda de leitugas, patacas, froita, legumes, cebolas, de gran atractivo. Tamén se celebra un mercadillo todos os xoves e domingos.

FEIRAS
1º e 3º domingos de cada mes. Abren todos os comercios, hai mercado, e ten lugar exposición e venda de gando no lugar de San Lázaro.
O 25 de abril, polo San Marcos, é unha feira anual destacada.

Mercadillo
PRAIA DO TESTAL
Praia do Testal

Está en Taramancos, Boa, ao este do Obre, e é a máis longa das praias de Noia, con quilómetro e medio se incluimos a lonxa do peixe que alí se atopa. Area fina, ten cafetería e servizos. Ao seu pé está o club de piragüismo. Hai amplo aparcadoiro. Augas tranquilas, unha das máis concorridas de Noia.
BOA GRANDE
Cunha lonxitude de 450 metros, ten unha area de grao medio. Aparcadoiro escaso. Ten pasarelas para paseo marítimo. Pola súa dinámica hidrográfica, é moi apta para deportes náuticos. Tamén é das máis visitadas.

Praia Boa Grande
BOA PEQUENA OU PRAIA CABALO
Cunha area máis fina, está separada apenas uns metros da anterior. Area blanca, augas tranquilas.
PRAIA DE TARAMANCOS
Tamén pertence á parroquia de Boa, pero enlaza xa coa praia de Testal, aínda que con pequenas superficies rochosas que separan a praia en pequenas calas de area media.
PRAIA DE DEBESA
Semiurbana, con area blanca e augas tranquilas.
PRAIA DA BARQUIÑA
Na parroquia de Santa Cristina de Barro, ten area grosa e case 600 metros de lonxitude.
PRAIA DE BARRO
Unha praia pequeniña de area grosa.
GASTRONOMÍA
Berberechos

En Noia, vila costeira, os pescados e os mariscos ocupan os primeiros pratos solicitados polos turistas nos diversos xeitos en que se preparan: en caldeirada, fritos, á parrilla ou ao forno. No que atinxe á estrela marisqueira por excelencia, o berberecho, feitos ao vapor é como máis saen das cociñas, pero cando se está en Noia hai que pedir empanada, tamén de berberechos, pero non só, mais sempre prato obrigado.

Ademais da empanada, en Noia hai que pedir, por este orde, os seguintes manxares: As ameixas, os callos, churrasco e sardiñas.

Os peixes e mariscos van depender do período do ano, pero hai determinadas épocas de preparación de pratos de tempada: lacón con grelos no entroido, e acompañados de filloas e orellas. Por abril a lamprea era moi típica e procedía do río Tambre; hoxe segue a prepararse pero procede doutros lugares; no verán por san Xoán: sardiña asada ou frita, xouba ou xurelo con cachelos e non pode faltar o pan de boroa (de millo).
A EMPANADA

A empanada pode ser de fariña de trigo, de maíz e a de centeo; aquí faise especialmente a de maíz e a de fariña de trigo. Permite múltiples variedades en función do ingrediente principal para o recheo: de berberechos, de raxo, de xoubas, de calamares, de navallas e mesmo de lampreas. A empanada de berberechos realizada con masa de milla e bivalvos colleitados nas fértiles areas da ría de Noia é o produto característico por excelencia, onde se mesturan nun gorentoso pracer para o padal a típica empanada e o principal produto desta terra, do cal en campañas xa consideradas históricas, chégase a extraer ata 1.500 toneladas de berberecho.

Tal é a fama da empanada noiesa que se lle adicou un Concurso nas festas de agosto. Non ten data fixa pero sempre cae en sábado ou domingo e só se celebra de mañá en pleno centro de Noia. É concurso degustación: os que queiran participar presentan a empanada pola mañá e os que queiran degustala terán que pagar uns bonos para a ración da empanada e unha xerra de viño. Aos interesados por este prato convenlles saber que en Noia é un dos poucos lugares onde se lle dá a volta á empanada cando está aínda no proceso de cocción.

Empanada
REPOSTERÍA
Xa nos postres, a repostería tamén ten un oco na cociña noiesa; os produtos podémolos ver nas tendas-panaderías: ripotes ou periquitos tamén chamados rosca se é redonda (a rosca faise con ovos, fariña, azucre,manteiga de porco, limón e levadura);galletas de ovo; amendoados e cocadas.

Curiosamente estes productos só os encontrará nas numerosas panaderías que hai instaladas en Noia.
CASA ALBORÉS
Rúa Escultor Ferreiro, 28
Tlf: 981 820152
CASA SANTOLO
Calvario, 2
Tlf: 981 820196
ELISARDO
Costa do Ferrador, 15
Tlf: 981 820130
FERRADOR
Costa do Ferrador, 11
Tlf: 981 820080
MESÓN SENRA
Rúa Escultor Ferreiro, 18
Tlf: 981 820084
O FORNO
Mazacáñamos, 13
Tlf: 981 821604
O PETO
Castelao, 1
Tlf: 981 820785
PIZZERÍA MAMMAMÍA
Frei Luís Rodríguez
Tlf: 981 824572
PIZZERÍA VENECIA
Esquina Romero Blanco
Tlf: 981 823212
SAN MARCO
Urbanización Irmáns Labarta
C/ Pintor Xenaro Carrero, 15
Tlf: 981 825009
VALADARES
Egás Moniz, 1
Tlf: 981 820436
TRATTORÍA RÚSTICA
Rúa Lugo nº 8
MESÓN OS MURADÁNS
Eduardo Núñez Darsellas, 5, Bergondo
Tlf: 981 828112
PIZZERÍA DON JUAN
Pintor Xenaro Carrero, 25 (Fronte á piscina)
Tlf: 981 824920
MARICO
MARICO
Rúa de Galicia, 32
Tlf: 981 823237
AGRA DO SALOMÓN
Orro, 65 (Ctra. Noia-Muros)
Tlf: 981 820921
HOTEL PARK RÍA DE NOIA
Río do Porto, 25 (Barro)
Tlf: 981 823729
SAIÑEIRO
Costa do Ferrador, 16
Tlf: 981 824945
HOTEL PARK RÍA DE NOIA
Río do Porto, 25 (Barro)
Tlf: 981 823729
HOTEL ELISARDO
Ferrador, 15
Tlf: 981 820130
HOTEL NOIA
Curros Enríquez, 27
 Tlf: 981 822552
HOTEL SINGAPORE
Boa, 22
Tlf: 981 823736
HOTEL PESQUERÍA DEL TAMBRE
Central do Tambre- Santa María de Roo, s/n
Tlf: 981 051629
HOSTAL VALADARES
Egas Moniz,1
Tlf: 981 820436  
HOSTAL COSTIÑA
Obre de Arriba s/n
Tfno.981-825114
CASA DE TURISMO RURAL DO TORNO

Lugar do Torno, 1
Tlf: 981 842074

TURISMO RURAL - CASA DA RONCHA
A Igrexa, 54 - Argalo
Tlf: 981 823551 / 629783723 / Fax: 981 823551

Concello de NoiaConcello de Noia
Rosalía de Castro, 2 - 15200 Noia (A Coruña)
Tel.: 981 842 100 - Fax 981 821 741