LUGAR DE ENCANTOS

Descobre todos os lugares de encanto do Concello.

PRAIAS

Fermosos areais para os amantes do Sol.

HOSTELERÍA

Ampla oferta en hoteis, restaurantes, bares, pubs...

CONCELLO
DE NOIA





Arte, historia e xeografía no Concello de Noia

O busto de A. Avilés de Taramancos

Antón Avilés de Taramancos

Co gallo de dedicarlle o Día das Letras Galegas a Antón Avilés de Taramancos en 2003 colocouse un busto ao poeta noiés.

Ver no mapa

O busto de María Mariño

María Mariño

Co gallo de dedicarlle o Día das Letras Galegas a María Mariño en 2007 colocouse un busto á poetisa noiesa, realizado por Soledad Penalta.

Ver no mapa

O busto de Felipe de Castro

Felipe de Castro

En 1880 instalouse esta escultura en homenaxe ao gran escultor Felipe de Castro.

Ver no mapa

A Nao na Ar

A Nao no Ar

No 2003 instalouse esta escultura en homenaxe ao poeta noiés Antón Avilés de Taramancos. Obra de Alfonso Costa.

Ver no mapa

O Crisol da Memoria

O Crisol da Memoria

No 2003 instalouse esta escultura en forma de fiestra gótica de Alfonso Costa para recibir ao visitante na súa entrada a Noia.

Ver no mapa

A fachada do Liceo

Fachada do Liceo

No edificio da Sociedade Liceo hai varios murais do pintor Alfonso Costa como o que se pode ver na fachada.

Ver no mapa

Os murais do Teatro Coliseo

Teatro Coliseo Noela

Na rehabilitación do Teatro en 1999 os irmáns Costa fixeron uns impresionantes murais no seu interior, destaca a súa cúpula.

Ver no mapa

Historia

A orixe de Noia remóntase ás culturas prehistóricas. Poboada na época megalítica e castrexa, amosa vestixios dun pasado romano e foi durante a Idade Media cando se converteu nunha das principais cidades de Galicia ao descubrirse en Santiago o Sartego do Apóstolo.

Convertida no porto de Compostela, a vila coñecerá un gran desenvolvemento das súas actividades comerciais. A poboación orixinal, que vivía no burgo da Barquiña, integrarase baixo a xurisdición do Señorío da Terra de Santiago cando a raíña Doña Urraca lle concede á Mitra Compostelá as terras comprendidas entre o Tambre e o Ulla.

Pola Carta Póboa do ano 1168, outorgada por Fernando II, créase o actual burgo, que será escenario das loitas medievais que teñen como protagonistas ós prelados de Santiago e aos nobres que rivalizaban no control da vila medieval. Será nesta época cando se constrúan a igrexa de Santa María a Nova e San Martiño, as Casas Góticas dos Señores da vila e o Castelo ou Fortaleza do Tapal onde residían os arcebispos de Santiago durante o verán.

Un dos arcebispos residentes en Noia foi o francés Berenguel de Landoira que, a principios do século XIV, buscou refuxio na vila ante a negativa dos burgueses de Santiago a abrirlle as portas da cidade. Como recompensa a esa axuda mandou construír a igrexa de Santa María a Nova e a muralla con doce portas que a protexía dos ataques, como o ordenado polo Duque de Lancaster (s.XIV) cando intentaba apoderarse de Galicia para acceder ó trono de Castela.

A vila tamén foi escenario da Revolta Irmandiña, a loita do pobo contra os abusos da nobreza laica e eclesiástica. Asaltaron a Fortaleza do Tapal, convertida en sinal de identidade da poderosa Mitra que ata o ano 1812 (Constitución de Cádiz) era o auténtico dono da vila, á que sometera a numerosas presións económicas.

A Idade Moderna será a época da presenza do pirata Francis Drake na ría, como resposta á expedición da Armada Invencible, e a chegada dos industriais cataláns ás nosas costas. Varios personaxes vencellados á vila terán un acusado protagonismo: Lorenzo de Armada e Xoán de Noia (navegantes nas Indias), Sebastián Docampo (que foi o primeiro en demostrar que Cuba é unha illa), o escultor Felipe de Castro (Presidente da Real Academia de San Fernando) e Basilio Vilariño (explorador da Patagonia).

A Idade Contemporánea será a da ocupación da vila polo exército francés, a revolta contra os industriais cataláns, o protagonismo do escultor Xosé Ferreiro e o apoio da vila á Revolta Galega de 1846. Nun curto percorrido pola vila pode apreciarse como se conservan nas súas rúas a identidade doutros importantes personaxes vencellados a ela nas diferentes épocas históricas.


Xeografía

Noia atópase na parte máis interior da Ría de Noia, na desembocadura do Tambre e ao lado das serras da Barbanza e de Outes. O seu centro urbano acubilla a desembocadura doutro río, o Traba.

Do centro de Noia hai apenas trinta e poucos quilómetros a Ribeira, a Muros e a Santiago de Compostela. Conta cunha extensión de 37,2 quilómetros cadrados, o que o converte nun dos municipios con menos superficie de toda Galicia. Ao Norte limita con Brión; ao Noroeste con Outes; ao Sur, con Porto do Son; ao Este con Lousame e ao Oeste co Atlántico.

Está conformada por seis parroquias: Santa María de Argalo, Santa Cristina de Barro, San Martín de Noia, Santa Mariña do Obre, Santa María de Roo e San Pedro de Boa.

Noia ten un clima oceánico húmido; con abundantes chuvias durante todo o ano e temperaturas suaves.

As condicións naturais da ría de Noia convértena nun ecosistema privilexiado, protexido pola Rede Natura. Pero por riba da súa impresionante flora e fauna pesar das agresións a que está sometida destaca a importancia do berberecho e ameixa. Nesta zona chegouse a producir máis da terceira parte do berberecho do Estado, e ameixa de Noia é a máis apreciada do mundo cun valor máximo en lonxa que chegou a 12 euros a unidade.

Noia envolta nun mar intermitente, un mar fuxidío que soamente é capaz de impor a súa presenza, inundando de auga atlántica a enseada, na fugacidade dunha marea. Sorprende á ollada de todo viaxeiro que contemple o seo de Noia, o cambiante da súa paisaxe en función do avance ou retroceso das augas por mor das mareas.

É este aspecto mutable que lle outorga a presenza ou ausencia de auga, un dos trazos máis definidores da paisaxe que se abre nos arredores da vila. O mar é aquí algo presente, pero ao mesmo tempo algo esquivo, algo fugaz.

Estes espazos intermareais só cubertos polas augas mariñas a determinadas horas -as ribeiras de mar enxoito da poeta María Mariño- teñen unha relación peculiar co mar, e desde a antigüidade, este impón ritmos de traballo en función das mareas: saír os barcos, atracar, mariscar a pé,…

Agader Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente Xunta de Galicia Galicia Unión Europea

Concello de NoiaConcello de Noia
Rosalía de Castro, 2 - 15200 Noia (A Coruña)
Tel.: 981 842 100 - Fax 981 821 741